Monday 29 de April de 2024

A Policía Autonómica en colaboración coa UIFO esclarece un incendio no concello coruñes da Pobra do Caramiñal


— Na investigación tamén colaboraron efectivos da Policía Nacional de Ribeira e da Garda Civil de Boiro, xunto con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e persoal do Distrito Forestal IV Barbanza

— Na investigación foi clave a colaboración dunha testemuña que viu fuxir un vehículo do lugar onde se iniciaba o lume

— No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 32 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela esclareceron un incendio forestal na Pobra do Caramiñal, en colaboración coa Policía Nacional de Ribeira, a Garda Civil de Boiro, axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e persoal do distrito forestal IV Barbanza.

Axentes do grupo de investigación de incendios da Policía Autonómica de Santiago de Compostela procederon á detención dun varón de 21 anos como presunto autor dun incendio intencionado que se produciu o pasado 9 de outubro na parroquia de Posmarcos e no que arderon 900 metros cadrados de superficie arborada. O detido recoñeceu os feitos e mesmo aportou aos axentes o chisqueiro co que presuntamente se iniciou o lume.

Na investigación dos feitos foi clave a colaboración dunha testemuña que viu fuxir de forma apresurada un vehículo no lugar no que comezou o incendio e que deu aviso ao teléfono de emerxencias, o que permitiu mobilizar aos equipos de extinción evitando que o lume se propagase e acadase maiores dimensións.

As pescudas policiais establecen que o lume foi intencionado, tal e como se recolle nas dilixencias dos feitos que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.

Na actual campaña antiincendios deste ano, 32 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.